Da man de Sólo Voces poesía e música mestúranse arredor da figura de Manuel María neste concerto cargado de lirismo. Un concerto no que O eco do poeta viaxa dende a Terra Chá nas composicións de Eli García-Bouso, quen recrea musicalmente as paisaxes que o poeta tanto amou.
 

En 2015, o grupo vocal Sólo voces, seguindo o periplo vita de Manual María fixo unha proposta musical en tres concertos: Outeiro de Rei (o seu concello natal), Lugo ( a toma de contacto co galeguismo) e Monforte ( o seu traballo de procurador). Nesta proposta incluimos tamén as músicas doutro egrexio fillo de Outeiro de Rei, Xoan Montes ao que Sólo Voces lle xurou o seu amor xa fai ben anos.

 

Catro bloques de pezas musicais e poemas, cada un encabezado polo recitado dun poema sobre un fondo musical. Recítanse poemas de Manuel María, mais tamén de outro chairego como Díaz Castro ou Darío Xohán Cabana, e do monfortino Lois Pereiro. Con estes recitados enmárcanse os tres puntos xeográficos máis relevantes na vida de Manuel María.

 

En cada bloque incluense algunha das “Baladas galegas”de Xoán Montes, até completarse o ciclo de 6 baladas. Xoán Montes remonta as súas orixes non moi lonxanas á “casa de Montes” en Outeiro de Rei.

 

Completando cada bloque fanse soar músicas de diversos autores sobre poemas dalgúns dos nosos poetas consagrados: Rosalía, Curros, Celso Emilio, Manoel Antonio, Castelao e Uxío Novoneyra.

 

Pecha cada grupo unha composición sobre textos de Manuel María: “Terra Chá”, “Saleta”, “Rosas” -estas tres compostas polo ribadense Eli García-Bouso expresamente para cantarmos Solo Voces- e “O cuco”

 

Actuacións 2015: 

 

-O 8 de maio presentouse o programa na Casa de Manuel María en Outeiro de Rei.

 

-O 5 de xuño ofrecimos un concerto no Salón de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo

 

-O 26 de xuño presentamos o concerto ó público da vila de Monforte de Lemos

© 2015 Deseño S. Calvo, contidos F. G. Jácome. Creado con Wix.com